Inicio lugo Os senadores do PP intentan que o Goberno explique que medidas pensa...

Os senadores do PP intentan que o Goberno explique que medidas pensa adoptar para acabar coas listas de espera en Lugo para os exames para obter o permiso de conducir

Lugo, 27 de agosto de 2022.  Dispoñer de permiso de conducir constitúe, máis que un desexo vinculado ao ocio, unha necesidade, que en moitos casos se converte en condición necesaria para o acceso a postos de traballo. O verán é o tempo elixido por miles de mozos para obter o carné de conducir. O déficit de examinadores e o sistema establecido para limitar o número de alumnos a examinar está a crear problemas en toda España, e a provincia de Lugo non é allea a eles. Os senadores populares por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lorenzo Varela presentan unha batería de preguntas ao Goberno en relación con este asunto, entre outras cousas para saber se ten pensado poñer en marcha algunha medida para solucionar o problema das listas de espera na provincia de Lugo e para evitar que volva suceder o próximo verán.

Os senadores populares explican que “igual que o verán pasado, este ano multitude de alumnos da provincia de Lugo que están preparados para examinarse do carné de conducir non poden facelo porque se atopan nunha longa lista de espera”. Indican que este problema, “que está a provocar un verdadeiro colapso en moitas cidades españolas, afecta tamén a Lugo e a situación é preocupante porque gran cantidade de mozos e mozas aproveitan o período estival para presentarse ao exame de conducir e, ademais, moitos deles están pendentes de conseguir un emprego para o cal precisan ter o carné de conducir”.

Arza, Barreiro e Lorenzo Varela destacan que “segundo as autoescolas lucenses, o problema obedece a dous motivos fundamentais: por unha banda, á falta de examinadores (Lugo só conta con 7 para toda a provincia, e  algúns deles atópanse de vacacións nesta época do ano); doutra banda, ao sistema que emprega a DGT para limitar o número de alumnos a examinar (método CAPA), e que limita tanto a capacidade produtiva como a actividade profesional das autoescolas, sobre todo en épocas do ano con gran demanda, como é o verán”.

Os populares queren saber como xustifica o Goberno que só haxa sete examinadores da DGT dando servizo a toda a provincia de Lugo. Preguntan por que o Goberno non soluciona o problema das listas de espera para acceder ao exame de conducir, porque é un problema que se vén repetindo ano tras ano na provincia de Lugo.

No PP interésanse por saber se o Goberno considera que o método CAPA empregado pola DGT para limitar o número de alumnos que se van a examinar do carné de conducir dificulta o acceso dos alumnos lucenses á proba, particularmente en épocas como a estival.


- Te recomendamos -