Inicio lugo Teddy López Pedredo, nomeado presidente da xestora do PP da Pobra do...

Teddy López Pedredo, nomeado presidente da xestora do PP da Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón, 12 de agosto de 2022. O empresario do sector cunícola natural da parroquia de Salcedo, na Pobra do Brollón, Teddy López Pedredo, foi nomeado presidente da xestora do PP local. A dirección provincial reforza así o partido no municipio para chegar máis forte ás eleccións municipais do 2023.

Ademais de ser o responsable da principal granxa de coellos do municipio, López Pedredo é tamén o presidente da comunidade de montes da parroquia de Salcedo e un dos impulsores da recuperación da festa do oso, unha das citas tradicionais do Entroido galego.

O novo responsable da agrupación local cre no potencial da Pobra do Brollón e, “primeiro de todo”, tendo moi presente os últimos incendios rexistrados no municipio, considera necesario “traballar na súa prevención e recuperar o servizo de extinción municipal que agora, co actual goberno local, non existe”.

O popular defende un dos sectores máis importantes no concello: o primario, que engloba ás explotacións gandeiras, avícolas e cunícolas. Igualmente aposta por “aproveitar os recursos forestais como fonte de riqueza e vinculalos á creación de emprego. A Pobra do Brollón precisa dispoñer de máis oportunidades de traballo para que a xente nova se asente no noso concello. Hai que apoiar tamén, polo tanto, a aqueles que queiran iniciar a súa actividade empresarial aquí”.

A dirección provincial, que continúa fortalecendo as agrupacións municipais “sumando equipos de traballo” e reforzando a estrutura do partido a nivel local, agradece a “implicación” do presidente da xestora.

O equipo de traballo completarase nas vindeiras semanas

López Pedredo completará no prazo aproximado dun mes o seu equipo de traballo para o que convida a unirse a todas aquelas persoas que “estean dispostas a axudar. Queremos sumar e implicar aos veciños na conformación dunha alternativa ao goberno local. As portas están abertas a toda as persoas que queiran traballar pola Pobra do Brollón”.