Inicio lugo O PP de Viveiro insta a Loureiro “a deixarse de escusas e...

O PP de Viveiro insta a Loureiro “a deixarse de escusas e facer o necesario para pavimentar o aparcadoiro de Verxeles, hoxe intransitable a causa das grandes fochancas”

Viveiro, 10 de outubro de 2022. Os veciños e comerciantes de Verxeles están francamente enfadados co goberno municipal de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, considera que o enfado dos veciños “é máis que comprensible á vista de como está o terreo do aparcadoiro, que é o acceso aos edificios, cheo de fochancas cada día máis grandes, ata ao punto de que algúns deles poden provocar avarías nos coches”.

O grupo popular xa presentou anteriormente iniciativas no pleno da corporación para que o goberno municipal levara a cabo as xestións oportunas para a pavimentación nas debidas condicións do espazo que é o aparcadoiro e acceso aos edificios de Verxeles. “Non valeu de nada, porque, como sempre, María Loureiro só sabe dar desculpas, pero facer, o que se di facer, non fai nada”, sinala o portavoz popular.

Rodríguez tamén di: “Entre escusa e escusa da alcaldesa, o caso é que chega un inverno máis e os veciños teñen que pasar a pé ou nos seus coches por un espazo que é unha sucesión de grandes fochancas, tan grandes algunhas delas que cando están cheas de auga máis parecen piscinas que fochancas”.

Os populares din á alcaldesa: “Señora Loureiro, déixese de poñer desculpas; a obriga de buscar solución aos problemas dos veciños de Viveiro é de vostede e do seu equipo. E iso é o que lle esiximos, que faga o que teña que facer para que o aparcadoiro e acceso ás edificios de Verxeles teña un pavimento como é debido e como merecen os veciños, que pagan os seus impostos igual que calquera outro, incluído o correspondente aos vaos”.


- Te recomendamos -