Inicio lugo “Atrasos inxustificados” por parte do goberno local “fan imposible que o Concello...

“Atrasos inxustificados” por parte do goberno local “fan imposible que o Concello de Burela funcione”, advirten os populares

Burela, 7 de outubro de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, advirte de “atrasos inxustificados na tramitación de diversos asuntos de interese municipal. É o caso da adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF), o inventario municipal -que acumulan máis de ano e medio nos dous casos- ou da remisión da documentación a Augas de Galicia para que se poda executar o colector de auga da fase 1 da Edar que acumula seis meses de atraso. “O goberno local non deixa de arrastrar os pés”, segundo sinala o popular.

Rouco considera que “á vista da escasa capacidade de xestión por parte do goberno local socialista é imposible que o Concello de Burela funcione”. De feito, “a situación é critica” tal e como recolle “o informe de intervención aportado para un dos puntos levado ao pleno ao confirmar o que levamos denunciando dende fai tempo dende o Grupo Municipal Popular de Burela: o Concello de Burela, co goberno socialista á fronte, non ten capacidade económica”. O informe sinala que “a cantidade xerada para inversións é insuficiente para facer fronte ás necesidades inmediatas no noso pobo. E isto contradí o que levan defendendo o señor Llano e os seus concelleiros dende o comezo de mandato”, advirte.

O voceiro sinala que “este xoves o Grupo Municipal Popular puxo en evidencia as numerosas e grandes eivas do goberno local de Burela. Demostrou punto tras punto, a pesar do proceder sistémico do goberno de Llano tratando de ocultar información, que cada vez que o goberno socialista intenta facer algo, líaa” como é o caso do “intento de adxudicación” dun servizo moi necesario como é o servizo de axuda no fogar, que leva xa ano e medio de atraso.

No pleno deste xoves o servizo foi encomendado á quinta empresa da lista das doce que concursaron despois de que “as catro primeiras renunciaran sen ser sancionadas polo Concello, xa que o goberno local non lles requiriu ningún aval para poder concursar, algo que é francamente pouco habitual”. Finalmente, “o servizo de axuda no fogar sairá 27.000 euros máis caro ao ano ás arcas municipais de Burela”.

Propostas para Burela

O Grupo Municipal Popular de Burela conseguiu sacar adiante a moción en contra da decisión unilateral da UE de vetar a pesca de fondo “e tamén conseguiu, por fin, que o Concello regularizara o uso por parte dunha empresa privada de terreos municipais: a instalación de medición ambiental situada nos terreos da escola de música”.

“Unha vez máis a nosa formación foi a que máis mocións levou ao pleno demostrando que ten propostas para Burela e que é a única alternativa posible para a vila ao goberno socialista”, conclúe Rouco.


- Te recomendamos -