Inicio lugo O PP de Foz pregúntase por que Cajoto non aclara no pleno...

O PP de Foz pregúntase por que Cajoto non aclara no pleno se os socorristas auxiliares tiñan a titulación adecuada

Foz, 30 de setembro de 2022. Os socialistas teñen demostrada unha inmoderada propensión a xogar demagoxicamente co principio de participación cidadá, pero, á hora da verdade, exercen o poder, en todos os ámbitos institucionais, poñendo todo tipo de atrancos á participación real, incluso dentro do marco das esixencias puramente legais. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, é un exemplo de como entre o relato socialista e a realidade hai un inmenso abismo. Cajoto respondeu no pleno con evasivas ás preguntas do PP en relación coa contratación dos socorristas auxiliares. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Cando un alcalde non responde ás preguntas concretas que fai a oposición e para sospeitar de que hai algo ilegal porque incumpre a Lei de Bases de Réxime Local”.

Castiñeira explica: “No pasado mes de xullo o PP preguntou ao alcalde se os socorristas auxiliares estaban contratados conforme ás bases establecidas pola Lei Galega de Socorrismo. No mes de xullo non quixo contestar, en agosto non houbo pleno e agora en setembro contesta con evasivas e non responde concretamente. Limítase a dicir que estaban contratados con base en pregos municipais, pero non aclarou se cumprían a Lei Galega de Socorrismos”.

A vista das circunstancias, os populares din que “é fácil intuír que non cumprían a lei e que presuntamente estamos diante dunha ilegalidade”. Castiñeira engade: “Que non queira darnos unha resposta é clarificador de como actúa o equipo de goberno: con falta de transparencia incluso nos plenos e con presuntas ilegalidades na contratación. É un tema serio e o alcalde debía ser moito máis transparente e ser claro”.

No PP lembran que Cajoto “xa tivo problemas o ano pasado con respecto á autoridade laboral, que pediu documentación”. O portavoz popular indica; “É un tema serio, porque o socorrismo é unha actividade de risco e o Concello non pode ter a estes traballadores sen cumprir debidamente a lei galega. O PP vai seguir solicitando do Concello que se nos informe da realidade e de se houbo ilegalidades”.

Castiñeira avisa: “Se non se contratou de maneira correcta, alguén terá que dar as respostas adecuadas, non sabemos se diante da autoridade laboral  ou dun xulgado. Isto non pode quedar así. Recomendámoslle ao alcalde que cumpra a Lei de Bases de Réxime Local e que responda concretamente ás preguntas da oposición, porque senón non é que falte ao PP é que falta a todos os veciños”.


- Te recomendamos -