Inicio lugo O PP de Lugo insta ao goberno de Sánchez a resolver definitivamente...

O PP de Lugo insta ao goberno de Sánchez a resolver definitivamente o problema do desvío provisional da A-6 e dar solucións efectivas

Lugo, 16 de agosto de 2022. “O desvío provisional para o tráfico da A-6 tralo derrubamento do viaduto do Castro posto en marcha polo Goberno de Sánchez o pasado 20 de xullo non é de utilidade”. Así o manifestan desde o PP lucense tras as longas ringleiras de vehículos e as retencións que se rexistraron nas últimas horas ao seu paso polo municipio de Pedrafita en sentido Madrid cos coches circulando a 8 km/h. “É unha nova decepción e un novo prexuízo para os lucenses”, consideran.

Para os populares “o Goberno de Sánchez desentendeuse de buscar unha solución alternativa para os usuarios da A-6 ao seu paso por Pedrafita que están a sufrir as consecuencias da situación derivada do colapso do viaduto do Castro” sobre o que “aínda non dispoñemos de información sobre as causas”.  É por iso polo que insisten en que “o Goberno de Sánchez ten que dar explicacións claras” e ofrecer garantías para o tráfico entre Lugo e o resto da península de forma que “non se prexudique a competitividade da nosa comunidade”. Engaden que “agora mesmo os transportes especiais teñen problemas para pasar pola autovía entre Galicia e o resto da península” porque o desvío provisional non da solución a este tipo de transportes.

“Tampouco dispoñemos de información sobre a solución definitiva nin os prazos concretos para a reconstrución e posterior apertura ao tráfico do viaduto do Castro  na A-6”. Nese sentido, o PP lucense urxe ao Goberno a reconstruír canto antes o viaduto para a súa apertura ao tráfico” de forma que “os lucenses teñamos conexión con Madrid por autovía”.

Os populares lamentan que “o Goberno central non escoitase as propostas dos técnicos da Xunta que coñecen mellor o noso territorio e propoñían alternativas que ofrecían unha solución completa á mobilidade na zona”.

Así, o Ministerio de Transportes abría un desvío que “non acurta o paso pola N-VI nin evita o núcleo de Pedrafita”. Por outra banda lembran que “o alcalde socialista afirmaba no momento da súa apertura que non respondía aos problemas de tráfico na vila”. Máis de 75.000 vehículos nos cinco días desta ponte ou, o que é o mesmo, unha media de 15.000 diarios, pasaron polo concello de Pedrafita desde o venres pasado ata o luns, según os cálculos do alcalde, José Luís Raposo.

Galicia desconectada

Esta situación “agrava o illamento ao que Sánchez somete a Galicia e á nosa provincia co silencio dos socialistas lucenses”. Nese sentido, os populares poñen outros exemplos coma a eliminación das paradas de autobús que afectan a varios municipios rurais da provincia, a falta de servizos entre Lugo e Ourense en horarios que faciliten aos lucenses a conexión con Madrid a través da alta velocidade ou o atraso da chegada dos trens Avril que prometera para o mes de xullo”.


- Te recomendamos -