Inicio lugo O PP de Begonte reelixe a José Ulla como presidente da agrupación...

O PP de Begonte reelixe a José Ulla como presidente da agrupación local que pretende “seguir medrando e colleitando éxitos electorais”

Begonte, 1 de outubro de 2022. José Ulla Rocha revalida a presidencia do PP de Begonte que ostenta dende o 2013 ao ser apoiado por aclamación dos afiliados da agrupación local no congreso local do partido celebrado este venres e ao que asistiron o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal, e o coordinador xeral da formación, José Manuel Balseiro.

O alcalde encabeza a única candidatura que se presentou ao conclave e que conta cos concelleiros do equipo de goberno e a incorporación de xente nova porque, dentro do proceso de renovación dos órganos de dirección do partido, o noso obxectivo é “seguir medrando e revitalizando o partido -despois de quintuplicar nos últimos anos o número de afiliados- e tamén seguir colleitando éxitos electorais e, por suposto, seguir traballando dende o goberno municipal”.

O equipo de traballo que completa a executiva local do PP conta con Luis Luaña Castelo como secretario xeral e encargado de organización e campaña electoral; cinco vicesecretarías, tres coordinadores e catro vogais. Sonia Varela será vicesecretaria da área de Cultura e Educación, José Manuel Rábade de Sanidade; María Aurora Braña, do sector primario; Marta Lombao, de Política Social; e Lucía Goiriz, de Medio Ambiente e Urbanismo. Sonia Arias foi nomeada coordinadora de Xuventude; Eduardo Pérez, de políticas para a terceira idade e envellecemento activo; Juan José Díaz, de participación cidadá e relación coas asociacións. Noelia Argüelles, Tomás Parga, Álvaro Rañal e David Veiga Fuenteseca son os vogais.

Ulla tivo palabras de recordo para José Antonio Vázquez, que foi alcalde, tenente de alcalde e membro da anterior executiva do PP begontino. Así mesmo, quixo agradecer a confianza dos militantes e simpatizantes e recoñecer que “o seu apoio foi imprescindible -xunto ao do organigrama do partido e os equipos de traballo- para lograr as distintas maiorías absolutas municipais e tamén os bos resultados do PP en Begonte nas autonómicas e nacionais”.

O popular sinalou como obxectivo, ademais de seguir traballando para revalidar a maioría nas vindeiras municipais, “recuperar o goberno da Deputación porque, para o Concello de Begonte igual que para outros gobernados polo Partido Popular, o actual goberno dificulta a sinatura de convenios de colaboración para favorecer inversións no noso municipio”. Por outra banda, agradeceu o “apoio institucional por parte da Xunta de Galicia”.

O que nos define é a xestión municipal”

Ulla destacou o labor de todo o equipo sinalando que “o que nos define é a xestión á fronte do goberno local” e explicou que “dende o primeiro momento quixemos ser eficientes: reducir o gasto para aforrar e dirixir os recursos a mellorar e implantar novos servizos no Concello”.

Entre as melloras en infraestruturas municipais, o popular citou a praza do Concello en Begonte e a praza de Baamonde, a rehabilitación da antiga cámara agraria, os locais sociais de titularidade municipal, as infraestruturas deportivas, o abastecemento de auga en tódalas parroquias, o colexio de Begonte, a reforma do colexio de Baamonde como aulas de música que xunto ao auditorio completará a oferta cultural a carón do Camiño e tamén as vías municipais que prevé seguir mellorando con aglomerado en quente. Ulla engadiu tamén que “os servizos sociais son unha prioridade” e, nesa liña, sinalou que “tódolos anos apostamos por incrementar os recursos para dependencia e SAF básico para atender as necesidades dos veciños do municipio e tamén as axudas de emerxencia social que aumentaron nos últimos anos debido á covid e á crise enerxética”.

Un goberno estable e apoio superior ao 70%

Dende a dirección provincial trasladaron o seu agradecemento ao PP begontino polo seu labor que se traduce en preto de 12 anos de estabilidade á fronte dun goberno municipal con experiencia na xestión e que vela polos intereses dos veciños e veciñas do municipio. Así mesmo, destacaron “os magníficos resultados do Partido Popular en Begonte nas distintas citas coas urnas chegando a superar o 70% dos votos nas últimas municipais e autonómicas”. Nese sentido, agardan que “o noso proxecto revalide a confianza dos begontinos e contribúa a lograr tamén o goberno da Deputación de Lugo”.

Asistentes ao congreso local do PP en Begonte.