Inicio lugo O PP insta a Tomé a renovar o convenio da Deputación coa...

O PP insta a Tomé a renovar o convenio da Deputación coa Xunta para os GES, co incremento económico necesario para garantir o mellor servizo aos lucenses

Lugo, 26 de setembro de 2022. A seguridade dos cidadáns ten que ser unha prioridade na xestión institucional, especialmente na Administración máis inmediata aos veciños, que é a local. Para a seguridade dos cidadáns, de maneira destacada nas zonas rurais, xogan un papel fundamental os Grupos de Emerxencia Supramunicipal. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, anuncia: “O PP levará unha moción ao próximo pleno para instar ao goberno provincia (PSOE-BNG) a unha maior implicación nos GES, un servizo moi necesario, que precisa modernizarse”. Os populares demandan que a Deputación, no exercicio das súas competencias legalmente atribuídas, renove o convenio para dar continuidade aos Grupos de Emerxencias Municipais (GES) da provincia de Lugo, no que se inclúan as melloras necesarias, para garantir, nas condicións máis adecuadas, a prestación dun servizo esencial para os veciños e veciñas.

Castiñeira sinala: “A Xunta xa dispuxo fondos, que pasan de 11 millóns de euros no período 2019-2021 ata os 40  a partir deste ano. As deputacións de Lugo e de A Coruña non tiveron a mesma implicación; si a tivo a Deputación de Ourense, que cooperará, como corresponde a estes organismos provincias, cos concellos, especialmente neste caso, coa protección civil, que son competenciais locais en municipios de menos de 20.000 habitantes”.

Os populares lembran que na provincia de Lugo hai varios GES rurais. Consideran necesario crear condicións de maior seguridade a hora de atender as emerxencias, incluída a extinción de incendios forestais. Castiñeira di que “probablemente sexan  un dos servizos máis recoñecidos polos veciños pola súa inmediatez. Queremos que se firme o convenio coa Xunta; non podemos xogar coas emerxencias”.

Castiñeira explica: “É necesario que se firme ese convenio coa Xunta de Galicia para que se poida igualar o financiamento e non pase como está pasando nalgún concello, como en Becerreá e A Fonsagrada, que deixan unha zona da montaña sen GES, tanto pola falta de implicación dos gobernos locais como da Deputación de Lugo”.

Os populares esperan que socialistas e nacionalista apoien a súa iniciativa, para que a “Deputación de Lugo aumente o financiamento nos próximos orzamentos, algo que tamén repetiremos no debate dos orzamentos cando teña a ben levalo ao pleno o presidente”.


- Te recomendamos -