Inicio lugo O PP cre que Tomé teme que a sociedade lucense esixa participar...

O PP cre que Tomé teme que a sociedade lucense esixa participar na elaboración dos orzamentos do 2023, os máis altos da historia da Deputación

Lugo, 21 de setembro de 2022. O presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), propende a escola de Largo Caballero, que, como é sabido, era socialista pouco amigo das formas democráticas cando as cousas non pintaban ben para o seu partido. Ao presidente da Deputación no lle gusta que a oposición faga o seu traballo, e menos que vaia por diante do goberno que preside. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “A resposta do señor Tomé ao ofrecemento do grupo provincial popular para traballar nos orzamentos do ano 2023 demostra a pouca capacidade que ten o equipo de goberno da Deputación para elaboralos”. Castiñeira di que Tomé, á vista de que para o 2023 a Deputación terá 4 millóns máis que no actual exercicio, debe invitar a participar na elaboración dos orzamentos aos concellos, ás asociacións veciñais e de distintos tipo e, en xeral, á cidadanía.

Castiñeira considera que “non é lóxico que teña que ser o grupo da oposición, o do PP, o que dea o dato aproximado de como van ser as contas do próximo ano, con case catro millóns de euros máis que no actual exercicio; o equipo de goberno xa debería ter traballado neste sentido”.

En segundo lugar, os populares lembran que “quen debe elaborar o proxecto de orzamentos é o equipo de goberno, que para iso dispón dos técnicos da Deputación e debe intentar consensualo; non o di o PP, iso é o que di a propia lei”. Castiñeira di a Tomé: “Non pode  esixir ao PP que elabore os orzamentos; ten que ser o goberno. Perde a oportunidade de pactalos con todos os grupos”.

O portavoz popular lembra que foron os socialistas os que prometeron un proxecto de orzamentos participativo. Onde está, pregunta Castiñeira, “o traballo coas asociacións, cos clubs, con todos os colectivos veciñais para eses orzamentos participativos dos que sempre fala a esquerda pero que despois non fai; que mellor momento que este, cos orzamentos do 2023, tan importantes para  a recuperación”.

O PP sigue co seu ofrecemento, “coa idea de mellorar os orzamentos e evitar que sexan o copia e pega que o goberno provincial leva facendo durante todos estes anos”. Castiñeira di que os populares non queren “continuidade orzamentaria”. Sinala que os socialista teñen “unha gran oportunidade, non só para pactar os orzamentos co PP, senón para facelo coa cidadanía, á que prometeu eses orzamentos participativos”. No PP afirman que Tomé e o goberno bipartito que preside “deben poñerse a traballar, porque xa van tarde; van por detrás da oposición, e non pode botarlle a culpa de que faga  o traballo que ten que facer o equipo de goberno porque iso sería ridículo”.


- Te recomendamos -