Inicio lugo O PP de Monforte acusa a Tomé de ter totalmente esquecido o...

O PP de Monforte acusa a Tomé de ter totalmente esquecido o barrio de O Casar, que ten graves deficiencias de infraestruturas e servizos

Monforte, 8 de setembro de 2022. A realidade de Monforte que pretende pintar o goberno local e a realidade que sofren a diario os veciños non se parecen en nada. Así o comproban os concelleiros populares nos seus recorridos por barrios e parroquias, segundo sinala a portavoz, Katy Varela.

A voceira popular explica: “Membros do Partido Popular de Monforte, continuando coas súas visitas a barrios e parroquias para coñecer de primeira man os motivos das queixas dos veciños, esta semana percorremos o barrio de O Casar. Comprobamos o abandono ao que o ten sometido o alcalde, o socialista José Tomé, como en xeral sucede con toda a cidade”.

Varela sinala: “O barrio de O Casar é un exemplo da política de Tomé: moita propaganda para anunciar proxectos de urbanismo, millonarios, sen ter previamente un proxecto de urbanismo claro para a cidade, e total abandono dos pequenos, pero moi importantes, detalles nos barrios e parroquias. É curioso que un mandatario que presume de asfaltar rúas e estradas, teña as vías deste barrio como as ten, cheas de fochancas e con gretas”.

Os populares din que “chama a atención como se suceden as roturas de tubaxes, algo por desgraza recorrente na cidade, e o mal que queda o asfalto despois do arranxo”. Lembran que en agosto denunciaron “que uns valos amarelos no centro do barrio entorpecían a circulación e grazas á nosa denuncia foron retirados; o estado do asfalto do lugar tras a avaría é de vergoña absoluta, porque hai unha enorme fochanca, que crea perigo para o tráfico rodado”.

O PP destaca tamén a falta de roza nas marxes das rúas e estradas do barrio, de maneira que a maleza chega ao asfalto, “o que preocupa enormemente ás veciñas e aos veciños tamén polo risco de incendio que isto pode supoñer”. Os populares engaden que “na súa vía principal, na rúa Vigo, as raíces das árbores están a gretar o asfalto, e estes atópanse ladeados, o que supón un perigo para viandantes e coches”. Denuncian que a travesía do barrio que o une coa parroquia da Vide atópase nun estado lamentable, o que dificulta o paso peóns e de vehículos.

 Katy Varela resume: “En definitiva, Tomé dispón de moito diñeiro e gasta moito diñeiro anunciando investimentos millonarios, pero a realidade é a falta de rigor coa que xestionan el e o seu equipo de goberno; o barrio de O Casar é un exemplo máis da desidia coa que trata aos seus veciños o alcalde José Tomé”.


- Te recomendamos -