Inicio lugo Francisco Balado asume a viceportavocía do PP na Deputación e insta a...

Francisco Balado asume a viceportavocía do PP na Deputación e insta a Tomé a dotar o Plan Único con 26 millóns, dado que recibirá máis fondos dos tributos do Estado

Lugo, 9 de setembro de 2022. O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, asume a viceportavocía do grupo provincial do PP que quedou vacante pola recente renuncia de Agustín Baamonde como deputado. O portavoz popular, Javier Castiñeira, anunciou dende Castro de Rei a nova responsabilidade que desempeñará Balado e este estréase coa reclamación ao goberno presidido polo socialista José Tomé de que, ao fío do novo orzamento, incremente o Plan Único ata os 26 millóns de euros, para cumprir o compromiso que adquiriu ao principio do mandato de subir dito plan nun 25%. Balado demanda tamén a mellora da vía que constitúe o cinto comarcal.

Castiñeira sinala: “Dende Castro de Rei, o grupo provincial do PP quere anunciar que o alcalde deste municipio, Francisco Balado, será vicevoceiro popular na Deputación en substitución de Agustín Baamonde. Balado é un compañeiro que  xa ten intervido en diferentes sesións plenarias; é unha voz importante do Partido Popular e un alcalde recoñecido. Será a voz de non só de Castro de Rei senón de todos os concellos pequenos e medianos que necesitan que os defendan con forza, porque en moitas ocasións son ninguneados polo goberno da Deputación”.

Balado, pola súa parte, declarou: “Dende o Concello de Castro de Rei asumo este novo cometido con moita ilusión e tamén con moitas ganas de continuar traballando en nome da provincia e do grupo do Partido Popular, como levamos facendo  nestes tres anos dende que comezou a lexislatura”. Explicou: “Agora que arranca o curso político, queremos facer un chamamento á Deputación Provincial para que dunha vez cumpra o compromiso que anunciou ao comezo da lexislatura de incrementar  o Plan Único no 25%; empezou este mandato en 21 millóns de euros e neste exercicio incrementouse ata os 21,5 millóns de euros, pero para cumprir ese compromiso do 25% tería que chegar ata os 26 millóns de euros”.

Francisco Balado destaca que “a Deputación, como todas as entidades locais, vaise beneficiar do incremento da participación nos tributos do Estado”. Engade: “Todas as Deputacións deben pensar nos concellos, neste contexto complexo no que os concellos que prestamos servizos de abastecemento de auga e de saneamento, vemos incrementada notablemente a nosa factura da luz. A Deputación non presta estes servizos, pero si será receptora de fondos e vaise ver beneficiada dese incremento na participación dos tributos do Estado, por iso queremos que cumpran ese compromiso que anunciaron ao principio da lexislatura de incrementar o Plan Único un 25%, ata os 26 millóns de euros; ten que pensar nos concellos e en que asumen gastos extraordinarios como consecuencia da suba da factura eléctrica e dos carburantes”. En canto á rede viaria, Balado demanda á Deputación “que destine fondos a mantemento e conservación da rede viaria”, en concreto para o cinto comarcal, unha vía que ten máis de 100 quilómetros e que vertebra boa parte do centro da provincia de Lugo. Explica: “Hai zonas deste cinto comarcal, e unha delas é Castro de Rei, nas que esta vía está en mal estado de conservación, así como outras estradas de titularidade provincial que precisan ser reparadas antes de que chegue o inverno e o seu deterioro aumente”.


- Te recomendamos -