Inicio lugo O PP de Foz denuncia que a mala xestión de Cajoto causa...

O PP de Foz denuncia que a mala xestión de Cajoto causa retrasos de meses na concesión de licencias de obras e insta á Deputación a redobrar o persoal en Cooperación

Foz, 6 de setembro de 2022. Todos os servizos municipais  inciden directamente na vida dos cidadáns e, case todos, teñen moito que ver coa evolución da economía local. Cando os servizos municipais non funcionan coa dilixencia debida reséntense a calidade de vida dos veciños e a economía municipal. En Foz, hai servizos, como o de Urbanismo, que están condicionando negativamente tanto a calidade de vida como a economía. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que denuncia “o enredo, o caos que ten montado o alcalde, Fran Cajoto (PSOE), coas licencias municipais”. Por este motivo chegan ao PP “queixas de moitísimos veciños, que nos trasladan que levan meses esperando polos permisos de obra, que non chegan”.

Castiñeira explica que algúns solicitantes “levan meses esperando pola licencia de obras; pretendían executar os traballos durante o verán, pasou, e seguen sen eses permisos”. Engade: “É algo que non nos sorprende, porque levamos tempo denunciando a falta de tramitación administrativa que se dá baixo a dirección deste equipo de goberno, que é moi pouco executivo, que sigue en prácticas despois de tres anos e está falto de dilixencia; é moi pouco áxil”.

Os populares din que o de Foz “é un goberno que, a pesar de ser o máis amplo e o máis caro da historia local, non é capaz de aproveitar as sinerxías coa Deputación de Lugo, que ten un servizo de cooperación que debera axudar neste asunto”. Tamén na Deputación hai problemas, debido á xestión do presidente José Tomé (PSOE). Castiñeira di: “Polo que sabemos, este servizo tamén está saturado. O propio Tomé ten falta de efectivos en Cooperación; nunca houbo tan pouca xente para axudar aos concellos a desatascar estes asuntos e, lamentablemente, entre Cajoto e Tomé teñen parado o servizo de Urbanismo”.

No PP din que o que ocorre coas licencias de obra “non é unha casualidade, porque igual que pasa con estes permisos, que non se tramitan no tempo adecuado, ocorre co servizo de Axuda no Fogar, un dos máis importantes que ten o noso concello, e mesmo co contrato da depuración e saneamento, que leva todo o mandato caducado”. Castiñeira resume: “Esta é a dinámica dun goberno absolutamente en prácticas e pouco dilixente, como é o bipartito de Foz; o problema das licencias é unha mostra máis de que gobernar non é unha cuestión de propaganda senón de facer as cousas, de ser executivo e de servir de maneira práctica aos nosos veciños, algo que non son capaces de facer PSOE e BNG”.


- Te recomendamos -